Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 10 de maio de 2021 Páx. 23334

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2021 pola que se aproba o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa para a campaña 2021-2022.

Feitos.

En Galicia o ciclo vital do polbo é de aproximadamente dous anos. O principal período reprodutivo acontece en primavera, e como consecuencia disto a época de recrutamento (individuos de ata 300 g de peso) é na primavera-verán do ano seguinte. A frota que traballa con nasa para polbo explota basicamente unha única cohorte anual.

Desde o ano 1992 na pesca do polbo en Galicia utilizouse, na maioría dos anos, a veda nos meses de maio e xuño, como unha medida técnica para protexer a reprodución da especie e contribuír a que a explotación fose máis sustentable. Polo tanto, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie, considerarase razoable que cada campaña de pesca comece despois da veda e remate no inicio do período de veda seguinte.

Aínda que os estudos científicos recentes indican que a abundancia desta especie depende en gran medida das condicións ambientais que actúan sobre o recrutamento, o resultado económico das campañas pesqueiras pode ser mellorado se se deseñan plans de explotación con medidas técnicas adecuadas que ordenen a actividade da frota.

Para evitar que a caída da produción de polbo continúe nos próximos anos, cómpre incluír no Plan experimental para a xestión do polbo novas medidas técnicas que eviten tanto a sobrepesca da especie como a saturación dos mercados nos inicios da campaña, mellorando a rendibilidade da actividade pesqueira.

Para a elaboración do novo Plan experimental para a xestión do polbo recibíronse propostas da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.

A aprobación do plan experimental apóiase, polo tanto, na necesidade de continuar co estudo das medidas aplicadas no plan anterior.

Por medio destas modificacións, e coa colaboración do sector para a correcta e estrita aplicación destas medidas, preténdese actualizar e axustar aspectos concretos da regulamentación cara á consecución dun mellor aproveitamento do recurso e o máximo benestar social.

Fundamentos técnicos e xurídicos.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «a política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros, os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

A arte da nasa de polbo vén regulada no capítulo IV, sección primeira, subsección cuarta, nos artigos 138, 139, 140 e 141 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

En concreto, o artigo 141.2 establece que «a través dos plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de marisqueo se establecerán os períodos, zonas e condicións para o calamento de nasas pechadas». Así, mediante a Resolución do 12 de maio de 2020 autorizouse o Plan experimental para a xestión do polbo ata a data de inicio da veda do ano 2021.

Por outra banda, en aplicación do disposto no artigo 3.2 do Decreto 198/2004, do 29 de xullo, que modifica o 424/1993, do 17 de decembro, a Consellería do Mar poderá, con carácter temporal e experimental, aprobar plans de pesca co obxecto de estudar a modificación da regulación das artes de pesca definidas no regulamento cara a unha mellora na xestión dos recursos pesqueiros.

En relación ao anterior, establécese na disposición transitoria terceira do citado Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, que os plans experimentais referidos no artigo 3.3 deste decreto manteñen a regulación prevista no artigo 3º.bis do Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, aprobado polo Decreto 424/1993, ata que non se aprobe a norma que o substitúa.

Polo anterior,

RESOLVO:

Autorizar o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa, baixo os seguintes termos e condicións:

1. Ámbito de aplicación.

Augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para todas as embarcacións con artes menores que teñan a modalidade de nasa para polbo no seu permiso de explotación e con porto base nesta comunidade, así como para aquelas que tendo porto base noutras comunidades autónomas teñan permisos especiais de pesca para faenar nas ditas augas.

2. Vixencia do plan.

A época de vixencia do presente plan abranguerá desde o 30 de abril de 2021 ata a data de inicio da veda do ano 2022, que será fixada polo correspondente plan que se publicará antes da seguinte veda.

3. Período de veda.

O período de veda para o ano 2021 queda establecido entre as 16.00 horas do 30 de abril ata as 5.00 horas do 5 de xullo de 2021.

As capturas desembarcadas o 30 de abril poderán ser comercializadas tamén o 1 de maio naquelas lonxas en que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

Polo tanto, neste período queda expresamente prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, desembarco, almacenamento, venda ou comercialización do polbo, por medio de calquera arte, en augas de competencia en marisqueo da Comunidade Autónoma de Galicia. As embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retirar estas do seu calado e levalas a porto. O período de veda será, así mesmo, aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas acadadas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

4. Especies.

A especie de captura obxecto deste plan será o polbo (Octopus vulgaris). As demais especies acompañantes terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lle sexan de aplicación.

O peso das especies acompañantes non poderá superar o 10 % do peso das capturas totais de polbo autorizadas para cada embarcación e día. Desta limitación quedan excluídos os peixes e o patexo.

5. Peso mínimo de captura.

1 kg/peza, independentemente de que sexa enteiro ou eviscerado a bordo.

6. Número de nasas.

O número máximo de nasas para polbo permitido estará en función do tamaño da embarcación (tipificado segundo o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro) e do número de tripulantes enrolados e a bordo.

Polo tanto, e para as seguintes zonas específicas, o número de nasas queda establecido do seguinte xeito:

1. Zona A (litoral atlántico oeste): desde A Guarda ata A Pedra do Sal (Caión):

a) Embarcacións tipo I e II: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 300 nasas por embarcación.

b) Embarcacións tipo III, IV, V, VI e VII: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 600 nasas por embarcación.

Non obstante, aquelas embarcacións do tipo VI e VII que cotizan no 2º grupo B, de máis de 10 TRB, poderán ter un máximo de 800 nasas.

2. Zona B (litoral atlántico norte): desde A Pedra do Sal ata a illa de San Vicente:

a) Embarcacións tipo I e II: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 300 nasas por embarcación.

b) Embarcacións tipo III, IV, V, VI e VII: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 550 nasas por embarcación.

Non obstante, aquelas embarcacións do tipo VI e VII que cotizan no 2º grupo B, de máis de 10 TRB, poderán ter un máximo de 650 nasas.

3. Zona C (litoral cantábrico): desde a illa de San Vicente ata o río Eo:

a) Embarcacións tipo I e II: máximo de 175 nasas.

b) Embarcacións tipo III, IV, V, VI e VII: máximo de 250 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 550 nasas.

En todo momento deberán respectarse as condicións establecidas nos certificados de seguridade emitidos polas capitanías marítimas.

7. Cotas máximas diarias de captura e desembarco.

Desde o 5 de xullo ata o 31 de agosto de 2021 a cota máxima será de 30 kg por barco e día, ao cal se lle engadirán 30 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 210 kg/día.

No que queda de campaña, a cota máxima será de 50 kg por embarcación e día, ao cal se lle engadirán 50 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 kg/día.

8. Horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo.

A actividade iniciarase ás 6.00 horas e finalizará ás 16.00 horas. Non obstante, permitirase a saída do porto a partir das 5.00 horas.

Enténdese por inicio e fin da actividade o largado e o virado das nasas.

Fóra dos horarios establecidos non se poderá realizar no mar ningún tipo de actividade coas nasas para polbo.

Cando se produza un cambio de despacho para outra arte, deberanse retirar a totalidade das nasas e depositalas en terra. De igual xeito, cando se despache para outra zona, deberá terse en conta o establecido no número 6 (número de nasas) desta resolución. En ambos os dous casos, por requirimento dos funcionarios do Servizo de Gardacostas, indicarán a súa localización e permitirán a súa inspección.

9. Réxime de calamento das nasas.

A captura do polbo con nasa pechada, coas dimensións previstas para a nasa de nécora, farase por fóra das rías, segundo as liñas definidas como anexo I no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro. Ademais, poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, de acordo co establecido no presente artigo.

1. De Cabo Silleiro ao Con da Aguieira: entre o anexo V e o anexo I, as nasas terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos inferiores aos 20 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas deberán levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos superiores aos 20 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto mesmo durante o período de descanso semanal. Na cara oeste da Illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, as nasas poderán permanecer no seu caladoiro sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.

2. Do Con da Aguieira a cabo Corrubedo: entre o anexo V e o anexo I, as nasas terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. No período comprendido entre o 1 de outubro e o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto todos os días, mesmo durante o período do descanso semanal.

3. No resto do litoral galego: as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, mesmo durante o período de descanso semanal. No período comprendido entre o 1 de outubro e o inicio do período de veda anual, as nasas poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V.

Recórdase o disposto no parágrafo 6.2 da Resolución do 17 de xuño de 2019 pola que se aproba o Plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón 2019-2021, que prohibe a captura do polbo por dentro das liñas de referencia do anexo III, establecidas no devandito Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, con calquera arte, incluída a pesca recreativa.

Autorízase o transporte polos anexos III e V con exemplares de polbo capturados de forma regulamentaria.

Antes de que a embarcación despache para unha nova modalidade de pesca, deberá levantar e levar a terra todas as nasas segundo as condicións establecidas no punto 8.

A consellería competente na materia poderá autorizar o mantemento das artes ou aparellos calados fóra do horario de traballo establecido e/ou do descanso obrigatorio semanal, naqueles casos en que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, ou por acontecemento sobrevido por causa de forza maior debidamente xustificada, tras a comunicación por parte do armador/a ou patrón/a ao Servizo de Gardacostas ao número de fax 981 54 40 31 ou ben ao correo electrónico: pesca.sala.operacións@xunta.es. Este explicará os motivos e indicará o número de pezas ou caceas, así como a situación destas, expresadas en latitude e lonxitude ou, de ser o caso, indicará da maneira máis exacta posible a situación xeográfica da zona onde se atopen.

10. Balizamento.

Os extremos ou cabeceiras de cada unha das caceas que se manteñan caladas deberán ser balizadas e identificarse adecuadamente segundo o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, indicando de forma clara e visible a matrícula e o folio da embarcación, así como a letra «N».

11. Puntos de descarga, control e venda.

Soamente se poderá descargar polbo nos portos autorizados para iso pola Consellería do Mar, relacionados no anexo.

En cada un dos portos autorizados establecerase un punto principal de descarga do polbo para facilitar os labores de control das capturas; estes puntos de descarga estarán o máis próximos posible á lonxa de comercialización do polbo. Para cada punto de descarga estableceranse previamente os horarios correspondentes.

Naqueles puntos de descarga en que se considere necesario, por causa de condicións meteorolóxicas adversas, poderase establecer un punto de descarga secundario. En ningún caso se poderán simultanear ambos os puntos.

Cando por circunstancias imprevistas sexa necesario realizar a descarga fóra dos horarios previstos, será obrigatorio comunicalo ao Servizo de Gardacostas ao número de fax 981 54 40 31 ou ben ao correo electrónico pesca.sala.operacións@xunta.es.

Queda prohibida a descarga de polbo fóra dos portos autorizados e, nestes, fóra dos puntos de descarga fixados ou en horarios distintos aos establecidos.

Naqueles portos autorizados onde exista lonxa, unha vez feita a descarga do polbo nos puntos autorizados para iso, deberá trasladarse obrigatoriamente a esta sen que se poida levar ou manter noutro tipo de instalacións con anterioridade á súa poxa, incluídas as vendedurías e os vehículos. De non efectuarse a primeira venda nesa lonxa e se transporte cara a outra, o produto deberá ir acompañado do correspondente documento de transporte ata que se efectúe a súa primeira venda.

Naqueles portos autorizados en que non exista lonxa, deberá cubrirse o documento de transporte con destino a unha lonxa ou centro autorizado de primeira venda.

12. Programa de seguimento e control.

A Subdirección Xeral de Gardacostas coordinará os labores de control específicos deste plan experimental de xestión, en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados para o efecto.

1. A Consellería do Mar, en colaboración coas federacións de confrarías de pescadores, reforzará os servizos de control en terra con persoal contratado para o efecto.

2. No mar os labores de control serán desenvolvidos cos seus propios medios polo Servizo de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías que dispoñan de medios marítimos.

3. Para o control das descargas en terra contarase con persoal de gardacostas, gardapescas das confrarías, gardapeiraos de Portos de Galicia e persoal propio das autoridades portuarias.

4. O Servizo de Gardacostas, dentro do programa de control deste plan tamén desenvolverá actuacións nas instalacións frigoríficas, de transformación ou comercialización onde se almacene, transforme e comercialice polbo.

5. O Servizo de Gardacostas, antes do final da veda, elaborará un programa de control en coordinación coas federacións de confrarías.

6. Durante o período de vixencia do plan, os gardacostas destinados ao control deste poderán acceder á información proporcionada polos plotters das embarcacións, ás facturas da carnada e calquera outra información considerada relevante relacionada con este plan, sempre de xeito motivado e coa autorización do subdirector/a xeral de Gardacostas ou coordinador do Plan experimental de xestión do polbo.

7. O Servizo de Gardacostas nomeará un coordinador do Plan experimental para a xestión do polbo con nasa.

Este programa de seguimento e control entrará en vigor ao remate da veda deste ano.

– Despachos telemáticos.

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade entre A Guarda e Pedra do Sal deberán rexistrar a actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«PLAN EXPERIMENTAL POLBO-NASA 2021-2022 (zona I A GUARDA-PEDRA DO SAL)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre Pedra do Sal e illa de San Vicente deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«PLAN EXPERIMENTAL POLBO-NASA 2021-2022 (zona II PEDRA DO SAL-ILLA SAN VICENTE)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre a illa de San Vicente e o río Eo, deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«PLAN EXPERIMENTAL POLBO-NASA 2021-2022 (zona III ILLA SAN VICENTE-RIO EO)»].

En todo caso:

a) Os despachos serán específicos para cada zona.

b) Na mesma semana non poderá despachar a nasa polbo a dúas zonas distintas das incluídas neste plan.

c) No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan manter a actividade na zona solicitada ao longo de toda a semana, logo de comunicación xenérica por parte da confraría cunha antelación mínima de 18 horas, permitirase o cambio de despacho. Neste caso, para que as nasas poidan permanecer caladas a fin de semana nas zonas autorizadas para iso será necesario que a embarcación estivese despachada para esa zona polo menos tres días desa semana.

d) Cando se produza o cambio de zona, deberanse retirar a totalidade das nasas para a nova localización, debendo respectarse as condicións establecidas para a nova zona, incluído o número de nasas.

e) Autorizarase a realización de traballos de labores, consistente no traslado a bordo das embarcacións das nasas desde o lugar de almacenamento, os tres días naturais anteriores ao inicio da campaña e os tres días naturais posteriores ao seu peche. En ningún caso poderán abandonar o porto unha vez depositadas as nasas nas embarcacións.

– Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

13. Comisión de seguimento.

Créase a comisión de seguimento do plan experimental para a xestión do polbo que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral e estará composta polo:

1. Subdirector/a xeral de Gardacostas, que será o seu presidente/a.

2. Subdirector/a xeral de Pesca e Mercados da Pesca.

3. Xefe/a do Servizo de Pesca, que será o seu secretario.

4. Presidente/a da Federación Galega de Confrarías ou persoa en quen delegue.

5. Presidente/a da Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña ou persoa en quen delegue.

6. Presidente/a da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo ou persoa en quen delegue.

7. Presidente/a da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra ou persoa en quen delegue.

8. Coordinador/a do Plan experimental para a xestión do polbo con nasa.

9. Nas reunións, cada un dos seus membros poderán propoñer ata un máximo de dúas persoas para asistir a esta, con voz pero sen voto.

Entre as súas funcións, a Comisión poderá propoñer cambios temporais deste plan cando se produzan situacións excepcionais.

14. Extracción e comercialización.

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

15. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO

Portos autorizados

Provincia de Lugo:

Porto de descarga

Porto secundario

Ribadeo

Lonxa en porto pesqueiro

Foz

Lonxa en porto pesqueiro

Burela

Lonxa en porto pesqueiro

San Cibrao

Portos pesqueiros de San Cibrao e Morás

Celeiro

Lonxa en porto pesqueiro

O Vicedo

Porto pesqueiro

Provincia da Coruña:

Porto de descarga

Porto secundario

O Barqueiro

Peirao do porto

Espasante

Peirao próximo á lonxa

Cariño

Peirao próximo á lonxa

Cedeira

Peirao novo

Ferrol

Pantalán da dársena de Curuxeiras

Barallobre

Peirao próximo á lonxa

Mugardos

Peirao próximo á lonxa

Ares

Zona nave multiusos

Pontedeume

Peirao próximo á lonxa

Sada

Pantalán artes varias

Lorbé

Peirao do porto

Mera

Peirao Linares Rivas porto A Coruña

A Coruña

Peirao próximo á lonxa

Caión

Peirao do guindastre

Malpica

Escaleiras da lonxa

Pantalán dársena interior

Corme

Peirao do porto

Laxe

Rampla da lonxa

Camelle

Peirao de Camelle

Camariñas

Peirao do porto

Muxía

Rampla do porto

Fisterra

Peirao do porto de Fisterra

Corcubión

Peirao do porto

O Pindo

Peirao do porto

Lira

Porto de Lira

Rampla nova

Muros

Rampla praia do Castelo

Rampla peirao da lonxa

Noia

Peiraos do Testal e O Freixo

Portosín

Peirao próximo á lonxa

Porto do Son

Rampla da lonxa

Corrubedo

Porto de Corrubedo

Aguiño

Peirao de Aguiño

Porto de Ribeira

Ribeira

Peirao próximo á lonxa

A Pobra do Caramiñal

Peirao próximo á lonxa

Cabo de Cruz

Peirao próximo á lonxa

Rianxo

Porto de Rianxo

Provincia de Pontevedra:

Porto de descarga

Porto secundario

Cambados

Lonxa de Tragove

O Grove

Portos de Pedras Negras, Meloxo e O Grove

Portonovo

Inmediacións lonxa, rampla E 1ª escaleira do peirao

Raxó

Peirao de Combarro

Porto de Raxó

Pontevedra

Lonxa de Campelo

Lourizán

Dársena embarcacións menores Lourizán

Marín

Rampla dársena de baixura tinglado xeral empaque número 24

Lonxa

Bueu

Ramplas de descarga da lonxa

Aldán-Hío

Porto

Cangas

Ramplas descarga lonxa

Moaña

Porto pesqueiro de Vigo

Porto de Meira-Moaña

Vigo

Porto pesqueiro de Vigo e Porto de Canido

Baiona

Pantalán fronte lonxa e escaleira pedra esquerda lonxa e peirao pesqueiro de Panxón

A Garda

Rampla de varado do porto da Guarda e o peirao alto