Vellos teleprotexidos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá VOGAL DA XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS DE TELECOMUNICACIÓN DE GALICIA

MERCADOS

MABEL RODRIGUEZ

ANÁLISE ? O proxecto europeo Activage, impulsado polo Sergas e a Cruz Vermella, está chamado a dar un salto cualitativo na procura da independencia dos nosos maiores ao estender a comunicación co usuario en calquera momento do día e en calquera lugar. A atención médica nas vivendas e o envellecemento activo, estreitamente ligados aínda que pareza contraditorio e impulsados polos avances tecnolóxicos aos que asistimos, suporán melloras para poñer freo ás limitacións deste colectivo

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:13 h.

No século XXI, as persoas na terceira idade teñen un peso determinante na sociedade, afúndese o sistema familiar tradicional e xorden solucións tecnolóxicas ás necesidades dos maiores nunca pensadas: antes a vida non era tan longa e as limitacións da ancianidade superábanse coa axuda de persoas novas.

Ao revisar mortuorias en La Voz de Galicia, obsérvase a grande proporción delas en que aparece a casa patrucial baixo nome e apelidos (e alcume, se cadra) do defunto. En todas as familias había fillos que quedaban na casa. Fronte a iso, no rural e no urbano dáse hoxe o fenómeno dos vellos independentes: persoas que non poden contar con fillos nin parentes novos, mais tampouco queren abandonar a vivenda na que probablemente formaran a familia. Os maiores de aldea desexan vivir a pé da horta que lles dá a saúde do exercicio e da comida; os de cidade adoran o barrio, a praza, o parque...

Con capital intervención dos enxeñeiros de Telecomunicación, funcionarios e asesores, a Comisión Europea trazou liñas-piares sobre envellecemento activo e atención médica no lar. O un está relacionado co outro pois, malia a actividade saudable dos maiores, o deterioro físico é inevitable. Destes piares foron xurdindo solucións baseadas nos avances en varios aspectos: os sensores e a electrónica ligada a eles e as redes, sen fíos ou con eles.

A miniaturización e a produción masiva dos sensores conduciu a que se poidan medir variables do ambiente e do corpo humano, detectar presenzas e identificar persoas a prezos razoables. Canto ás redes, desenvolvéronse a 2G, a 3G e a 4G con soporte de comunicacións liberadoras de anciáns, mentres nas redes de cabo se pasaba do par telefónico, con baixa capacidade de transmisión, ao coaxial, capaz de transmitir a alta velocidade; ata chegarmos á fibra óptica, cuxa capacidade de transmisión supera á de calquera dispositivo que a ela se conecte. As redes locais de norma wifi, e microrredes de bluetooth e zigbee, completaron a oferta de apoios.

Chegados a este momento, prolifera nos países da Unión Europea o perfil do vello independente... pero menos. Pode ser pensionista activo no eido profesional, persoa disposta a aproveitar o tempo de prórroga con boa saúde ou xa con ela deteriorada (indo a peor segundo aumenta a idade). Pode vivir en compañía doutra persoa do seu tempo (caso dos matrimonios) ou só (pois a viuvez é un estado final natural). En calquera caso, manifesta estar a xeito na casa mentres se poida valer, tanto máis canto máis telecoidado se vexa.

Un proxecto europeo dirixido a ese efecto é o Activage, coa parcería dunha grande empresa galega no deseño e na fabricación. En probas xa para a contorna da vivenda, vai pasar a un novo estadio coa comunicación estendida fóra dela. Na xestión do servizo colaboran o Sergas e a Cruz Vermella, na instalación do equipamento e na relación co usuario a calquera momento de calquera día.

Os técnicos da organización filantrópica estudan a vivenda do usuario e colocan sensores de apertura e peche de portas, da casa e da neveira; de presenza nunha selección de cuartos de uso ineludible: alcoba, baño, estar, escritorio (no caso de actividade profesional na casa); de fume... Todos eses sensores teñen cadanseu emisor vía zigbee. A isto o Sergas engade un conxunto de aparellos (tensiómetros, coagulómetros, básculas...) conectados por bluetooth.

Usabilidade

Unha centraliña contén o coordinador das redes do lar (wifi, zigbee, bluetooth...) que recolle os sinais dos sensores, e máis o correspondente enrutador para a conexión da vivenda ao centro de atención da Cruz Vermella (por cabo ou por radio). A centraliña é doada de manexar con botóns, colocados nela máis un de colar; conta cun micrófono de altísima sensibilidade, que recolle a voz do usuario desde calquera recanto da casa, e un altofalante moi potente. A centraliña e as súas funcións garanten seguridade e discreción sobre o que aconteza na vivenda teleasistida.

A comunicación usuario-centro de atención ten calidez humana. O persoal do centro, en función do conversado co usuario e das súas necesidades, dispón como actuar, con medios propios ou do Sergas, os bombeiros, a policía...

O sistema Activage engade un elemento de intelixencia informática moi ben ideado: en base aos rexistros da sensorización, descobre as rutinas do usuario e, no caso de estas se veren alteradas, procede á interrogación vía audio a través da centraliña. A falta de resposta, os responsables dese servizo na Cruz Vermella e no Sergas deciden o que facer a continuación.

A Cruz Vermella reparte responsabilidades con algunha persoa próxima ao usuario (restos do esquema familiar antigo), quen debe custodiar os elementos de acceso á vivenda -as chaves- non lonxe desta, en previsión de ter que entrar a dar socorro ao seus habitantes cando estes non sexan capaces de franquear a entrada (por exemplo, no caso de caída ou perda de conciencia).

Tanto esas persoas de soporte como o usuario dispoñen dunha aplicación para teléfono móbil que amosa a estatística dos sensores, relacionable coas rutinas normais (non abrir a porta da neveira ou non entrar no cuarto de baño indica falta de actividades vitais básicas).

Pulseira intelixente

Un novo paso na integración do usuario no sistema de protección baseado na vivenda é dotalo dunha pulseira intelixente conectada ao teléfono móbil vía bluetooth. A pulseira recolle variables vitais do usuario e o móbil envíaas ao centro de control, de xeito que o sistema de seguimento poida prever problemas de saúde e, se os valores se fixeren críticos, dispararía unha alarma, estando o usuario na casa ou xeolocalizado en calquera lugar...

Segundo falamos da 5G e da Internet das cousas, avanza a idea das casas e os edificios intelixentes: todos os aparellos hanse poder comunicar entre eles, e entre eles e os humanos que (polo momento) rexen a vida dos seus conxéneres. Iniciativas coma a do Activage hanse ter que abrir á nova circunstancia tecnolóxica (pensemos nos proxectos de demostración sobre 5G en Galicia, a iniciarse nas cidades, onde tanto vello mora independentemente).

Sería logo bo (e seica xa se está a traballar no asunto) que, contando coas novas ferramentas telemáticas, entre a Cruz Vermella e os seus parceiros tecnolóxicos discorresen como mellorar o sistema nun aspecto crítico: o acceso intelixente -e inviolable- ás vivendas sen necesidade de recorrer ás chaves físicas. Xa se sabe o que implicaría media hora perdida en ilas procurar para abrir a vivenda de alguén que tivo un derrame ou un infarto (e aínda se pode dar o caso de non atopar a quen custodia esas chaves.