Cabanas abre a inscrición ao curso de emprendemento “A túa empresa na rede”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de promoción económica e emprego, abre hoxe o prazo de inscrición no curso de emprendemento dixital “A túa empresa na rede”, unha formación de 60 horas que se impartirá de maneira telemática durante o mes de marzo.

A través de nove módulos, o curso promove que as persoas participantes poidan coñecer a importancia de contar cun espazo na rede, adquirir os coñecementos necesarios para escribir axeitadamente documentos expostos nunha canle dixital, coñecer as principais redes sociais e as súas potencialidades ou mellorar a comunicación da empresa cos clientes e con outras empresas, entre outras.

“A promoción da nosa actividade ou do noso negocio non pode esquecer a súa vertente no mundo dixital, o que fai necesario adquirir as destrezas que nos permitan levar a cabo este proceso dixitalizador de maneira correcta”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de promoción económica de Cabanas, Iago Varela. “Con esta formación pretendemos axudar tanto a aquelas persoas que xa teñen un negocio e buscan como mellorar a súa presenza online, como tamén ás que aínda non o teñen pero están a explorar alternativas de emprendemento”, engadiu.

As persoas interesadas en participar nesta formación, subvencionada ao 100% polo Concello de Cabanas, poden inscribirse cubrindo o formulario dispoñíbel ao final deste artigo até o venres 25 de febreiro. A participación non se limita á veciñanza de Cabanas, se ben as persoas empadroadas neste concello terán prioridade na asignación de prazas. Ademais, ao remate do curso facilitarase un diploma acreditativo ás persoas que conclúan con éxito a formación.

Inscrición | Curso “A túa empresa na rede”

Share.

Comments are closed.